Lázaro Louzao publica o seu segundo fotolibro ‘Obumbratio’

O novo libro do fotógrafo Lázaro Louzao é un monográfico da súa serie ‘Obumbratio’ descrita polo autor como a «máis extensa e ambiciosa da miña carreira» polo que «decidín que lle tiña que adicar un libro completo pola imposibilidade de expoñer a serie completa» explica Louzao.

O fotolibro sae á venta online este mércores no entanto «conto con organizar varias presentacións en distintas cidades, polo menos en Galicia» detalla o fotógrafo. A serie fotográfica recollida no libro conta cun total de 76 obras. «Trátase dun salto estilístico moi grande respecto da miña obra anterior, todas as obras son en branco e negro e transmiten unha profunda escuridade, reflexando unha etapa vital e artística tamén escura» confesa.

Unha parte da serie xa foi exposta na galeria madrileña Studio RGF o pasado mes de xuño e poidose ver tamén en Lugo en setembro. «Fixen unha selección de 12 obras para a exposición, encantariame poder expoñer as 76 pero non dispoño dos medios para montar unha exposición desas dimensións, de aí o libro» conclue o artista xovense.

Deja un comentario